O Concello de Mondoñedo tramitará os cambios de domicilio en permisos de condución e de circulación

A alcaldesa asinou esta mañá o protocolo de adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre o Organismo Autónomo Xefatura Central de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias para o intercambio de información e mutua colaboración administrativa.

Candia explica que os veciños poderán realizar na administración local os cambios de domicilio do seu permiso de condución e de circulación sen ter que desprazarse á Xefatura Provincial de Tráfico.

Mondoñedo, 24 de agosto de 2015- Os cambios de domicilio en permisos de condución e de circulación poderán realizarse dende hoxe no Concello de Mondoñedo, sen ser necesario que o cidadán se desprace á Xefatura Provincial de Tráfico.
Para que este trámite puidese ser levado a cabo dende a administración local, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, asinou o protocolo de adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre o Organismo Autónomo Xefatura Central de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias para o intercambio de información e mutua colaboración administrativa.
A adhesión ao convenio materializouse esta mañá no Concello de Mondoñedo coa firma do protocolo e durante o acto institucional estivo presente a directora xeral de Tráfico de Lugo, Paula Yubero.
Candia explica que ata o momento actual, os cidadáns que cambiaban de domicilio e se empadroaban no concello, debían desprazarse á Xefatura Provincial de Tráfico para efectuar o cambio nos seus documentos persoais relacionados con tráfico. “Coa adhesión a este convenio o veciño poderá realizar este trámite dende a oficina municipal e evitámoslle así desprazamentos innecesarios”, matiza a alcaldesa.

Para máis información: 982 524 003 / 646 115 445/ 686 511 770

Publicidad