ActualidadVida municipal

O PP chama á mobilización en Mondoñedo para conseguir o 29N o cambio que España necesita

Os populares reivindicaron a Alberto Núñez Feijóo como a garantía dun Goberno con sentidiño, capaz de atender as necesidades da Mariña e impulsar os proxectos pendentes na comarca.


Mondoñedo, 22 de novembro de 2026. A Casa da Xuventude de Mondoñedo acolleu onte un mitin do Partido Popular no que participaron a conselleira do Medio Rural, o cabeza de lista ao Senado pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro; o candidato da Mariña ao Congreso,Jaime de Olano; e o alcalde de Mondoñedo.


Durante o encontro, os populares fixeron un chamamento á mobilización de cara ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro, insistindo na importancia de non confiarse e de concentrar o voto no Partido Popular para conseguir o cambio que necesita España, con Alberto Núñez Feijóo á fronte.
Os participantes reivindicaron a necesidade dun Goberno que atenda as demandas da provincia de Lugo e, especialmente, da Mariña, con mellores comunicacións e o impulso de infraestruturas estratéxicas como a A-74, fronte á falta de avances que atribúen ao Executivo de Pedro Sánchez. Neste sentido, reclamaron unha solución definitiva aos problemas de néboa no Fiouco, que provocan frecuentes cortes da A-8 e desvíos pola N-634, así como a implantación de medidas que garantan a seguridade dos condutores.
Tamén denunciaron o mal estado de conservación da circunvalación de Mondoñedo, coa presenza de maleza sen rozar nas súas marxes, e os constantes problemas de iluminación na rotonda de acceso á cidade desde o polígono industrial. Os populares reclamaron ao Ministerio de Transportes maior atención ao mantemento destas infraestruturas, fundamentais para a seguridade viaria e para ofrecer unha imaxe axeitada dunha cidade como Mondoñedo.
Os participantes contrapuxeron a xestión de Alberto Núñez Feijóo á do actual Goberno central e defenderon un cambio político que permita dar resposta ás necesidades das familias, dos autónomos, das empresas e do medio rural, con medidas en materia de vivenda, impostos, emprego e infraestruturas.
Finalmente, lembraron que Lugo foi a provincia que máis apoiou ao Partido Popular nas eleccións xerais de 2023 e animaron aos veciños a repetir e superar aquel resultado. “Queda unha semana para conseguir que España deixe atrás o sen sentido de Sánchez e recupere o sentidiño con Feijóo”.