Os populares presentaron onte a súa candidatura, nun acto celebrado na finca San Antonio

Elecciones Municipales 2023

Otero Legide di que a lista do PP para as eleccións locais acumula experiencia na xestión municipal e está pensada para avanzar rápido no desenvolvemento do proxecto popular para Mondoñedo

O candidato a repetir na alcaldía explica que a lista incorpora a Armando González Barreira e Miguel Ángel Arias García, así como a tres persoas que nas pasadas eleccións foron suplentes: Pilar Díaz Fernández, Ana Mel López e María Milagros Martínez Rivas

Manuel Ángel Otero di que, coa lista que se presentou onte, queda claro que o PP quere retomar o traballo que veu facendo nos últimos oito anos dende o primeiro día do novo mandato e mantendo o ritmo habitual

O alcalde e candidato destaca que o realmente importante é o equipo co que se conta e destaca a capacidade de traballo e o bo entendemento entre os membros do grupo

O PP de Mondoñedo deu a coñecer na noite de onte, na finca San Antonio, a súa candidatura para as próximas eleccións locais, convocadas para o 28 de maio. O candidato á alcaldía é o actual alcalde, Manuel Ángel Otero Legide, que enfila a carreira electoral coa experiencia do tempo que leva á fronte do Concello, dende a renuncia de Elena Candia, e coa acumulada durante os anos que desempeñou á tenencia de alcaldía. Otero Legide di que é unha lista de xente con experiencia, continuista, deseñada para avanzar rápido e seguro na execución do proxecto do PP para Mondoñedo e para empezar a traballar dende o primeiro día. Na presentación participaron distintos membros da dirección provincial do partido, entre outros, a presidenta, Elena Candia, e o coordinador xeral, José Manuel Balseiro.

A popular é unha lista con poucos cambios. Rexistra a incorporación de dúas persoas: Armando José González Barreira (número 7) e Miguel Ángel Arias García (número 9). Procedentes da lista de suplentes das anteriores eleccións, incorpóranse María del Pilar Díaz Fernández (número 8), Ana Mel López (número 10) e María Milagros Martínez Rivas (número 11). Polo demais, hai algún movemento cara arriba con respecto á lista de 2019 e sigue no posto número 6 Alberto García Fernández.

O candidato do PP á alcaldía de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero Legide (Mondoñedo, 1960), ao que os seus veciños coñecen por Manolo de Xannetos, chegou ao Concello como número dous da lista que encabezaba Elena Candia para as eleccións municipais do 2015. Repetiu posición nos comicios do 2019 e, coa renuncia de Candia á alcaldía, para presentarse ás máis recentes eleccións autonómicas, asumiu á alcaldía. É, polo tanto, un veterano á fronte do Concello. Destaca a experiencia da maior parte dos que o acompañan na lista e di que o traballo e os éxitos, se os hai, “son froito dun equipo, de traballar en equipo”. Engade: “Xa temos o ritmo collido”. No caso de revalidar a alcaldía, o obxectivo, dito a grandes rasgos, é “dar continuidade ao traballo iniciado, como viñemos facendo dende hai oito anos”

Para Otero Legide é prioritario seguir avanzando na mellora e ampliación dos servizos sociais, así como completar as realizacións no ámbito da ordenación urbana, en xeral, e en especial do casco histórico. Nesta liña, a rehabilitación de inmobles é unha parte fundamental. Lembra que nestes anos pasados foi aprobado o PXOM e que será de gran importancia a aprobación do plan especial do casco histórico. Destaca a relevancia de conseguir no seu momento a declaración de Área de Rehabilitación Integral e o Plan Rexurbe. Otero pon de relevo a importancia que o PP dá a zona rural. “Para nós está no centro das nosas políticas; sempre foi unha prioridade; queda demostrado no traballo que levamos feito na mellora das estradas municipais”

Outra faceta de gran relevancia, segundo indica o alcalde e candidato a repetir no cargo, é a promoción turística de Mondoñedo, do seu patrimonio; trátase -di- de seguir avanzando na liña que se veu seguindo dende que o PP asumiu a alcaldía con Elena Candia. Do mesmo modo que no impulso ao asentamento de empresas e a xestión da mellora das infraestruturas que, sen ser de titularidade municipal, dan servizo a Mondoñedo.

A LISTA NOME A NOME

1.- Manuel Ángel Otero Legide
2.- María Ángeles Rodríguez Rico;
3.- José Otero Rejes
4.- Manuel Tapia Rivera
5.-María Patricia Otero Doural
6.- Alberto García Fernández
7.- Armando José González Barreira
8.- María del Pilar Díaz Fernández
9.- Miguel Ángel Arias García
10.- Ana Mel López
11.- María Milagros Martínez Rivas

Suplentes:
.-José Ramón Díaz Barreira
.- María Gervasia Cabanas Eiras
.-María Amparo Anello Gil
.-Luis Otero Pena
.-Luciano Javier Folgueiro Lorigados
.- Pablo Redondas Losada
.-María del Carmen Cillero Méndez

Mondoñedo Casa Álvaro Cunqueiro

En relación coas declaracións dos socialistas de Mondoñedo sobre o proxecto para a Rehabilitación da Casa de Álvaro Cunqueiro, o Goberno local di:

1.- Resulta incomprensible que os socialistas e a súa voceira Esperanza González se dediquen a criticar un proxecto que nin tan sequera coñecen. Lémbraselle que ten concedido acceso ao proxecto para o día 16 de outubro. Polo que, invitámola a que non fale do que non sabe nin coñece ata que teña estudada a documentación.

2.- Ademais, estamos ante un caso evidente dos socialistas locais de ‘onde dixen digo, digo diego’, tendo en conta que durante anos o PSOE perseguiu o desenvolvemento dun proxecto na casa de Álvaro Cunqueiro, que non lograron sacar adiante nin tan sequera chegaron a acordos. Un ministro do PSOE apostaba polo proxecto, e terán que explicar o que lles ofrecían eles. Dóelles que sexa un goberno do Partido Popular o que vaia poñer en valor este edificio na localidade en homenaxe ao ilustre escritor.

3.- Os socialistas tampouco están lexitimados para dar leccións sobre o reparto e a xestión dos fondos públicos e moito menos en canto a emprego se refire. Tendo en conta que a súa desidia e nula xestión provocou que empresas non se asentasen na localidade. Pese a estar informados, ocasionaron a perda de postos de traballo en Mondoñedo e un investimento de tres millóns de euros.

4.- Dende o Goberno do Concello de Mondoñedo sacamos adiante un proxecto ansiado na localidade, a través do que creamos non só un Museo en torno a figura de Álvaro Cunqueiro, senón que tamén esta iniciativa traerá consigo a dinamización da actividade cultural na localidade, a promoción das actividades turísticas e, polo tanto, un claro beneficio económico para o concello de Mondoñedo.

Publicidad

Os socialistas de Mondoñedo acusan a Elena Candia de dilapidar os intereses dos mindonienses

Mondoñedo, 6 de outubro. A portavoz do Partido Socialista de Mondoñedo Esperanza González acusa a Candia de dilapidar os intereses económicos dos mindonienses. A portavoz socialista fixo esta afirmación tras coñecer o convenio da Deputación de Lugo para a Rehabilitación da Casa Museo Álvaro Cunqueiro que conta cun orzamento de 308.448,98.

Esperanza González emprazou a Candia a priorizar e investir os 308.448 euros en potenciar o polígono industrial da nosa cidade, ou crear cooperativas para potenciar o sector hortofruticola e a agricultura ecolóxica, ou na creación de escolas obradoiros ou en cursos de formación para desempregados, tan necesarios na nosa comarca.

Nese senso a voceira socialista acusou a Candia de ser os únicos responsables de afundir o tecido industrial de Mondoñedo “xa que foron os que pecharon Ecar-Finsa, e a día de hoxe, ninguén se preocupou por reflotar esta industria”. Por iso demandoulle que xestione coas administracións competentes para poder abrir as portas desta industria madereira.

Ninguén coñece o proxecto
González advertiu tamén que a día de hoxe “nin un só mindoniense coñece en que consiste ese proxecto de rehabilitación da Casa de Cunqueiro, xa que non está exposto en ningún sitio nin tampouco se fixo público”. Por iso pregunta “en que se basea para decir que fan falla 308.000€ para a súa recuperación, ademais dos máis de 16.000 € que ten que poñer o propio Concello?”, sinalou.

A voceira socialista reclamoulle a Candia que para este proxecto da Casa de Cunqueiro demande axuda de tódalas administracións, tanto da Xunta como da Consellería da Cultura ou mesmo do Ministerio de Cultura, así como doutros

organismos. Pero insistiu na súa demanda “non invista mais de 308.000 nun inmoble dun particular, cedido segundo vostedes por uns anos, pero que non vai repercutir nos beneficios dos mindonienses”.

E resumiu “Mondoñedo precisa un goberno que saiba xestionar os recursos con sentidiño e con responsabilidade”.

Publicidad

 

 

O Concello impulsa a declaración das San Lucas como Festa de Interese Turístico Nacional e do Mercado Medieval como Festa de Interese Turístico Galego

Candia dá curso ao un compromiso que “permitirá aproveitar o potencial turístico que ofrece a localidade, e a potenciación das festas é un dos pasos a seguir”

O Goberno local tamén aprobou o regulamento de participación cidadá que permitirá “un concello máis aberto, no que existe unha canle de comunicación para ter en conta as propostas dos veciños”

A alcaldesa convocou aos alcaldes do Camiño Norte para o cinco de outubro co obxecto de promover a creación dun ente que permita establecer políticas de acción coordinadas

Mondoñedo, 26 de setembro de 2015.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anunciou hoxe que no pleno celebrado onte e por iniciativa do Goberno popular acordouse, por unanimidade, iniciar o expediente de cara obter a declaración das Feiras e Festas das San Lucas como Festa de Interese Turístico Nacional e a do Mercado Medieval como Festa de Interese Turístico Galego.

Trátase dun dos compromiso asumidos polo Goberno popular e que está a dar curso ao considerar esta decisión como un paso “moi necesario para aproveitar todo o potencial turístico que ofrece a localidade. A potenciación das festas de Mondoñedo é un dos pasos a seguir”. Tanto As San Lucas como As Quendas son “un foco de atracción de visitantes tanto de Galicia como de fóra da comunidade autónoma”, engade a alcaldesa.

Amais, no pleno celebrado onte o Concello de Mondoñedo tamén aprobou o regulamento de participación cidadá. “Un dos nosos principais obxectivos é o de abrir o concello á todos os veciños”, explica Candia, e nesta liña de traballo, “apróbase este regulamento que permite a existencia unha canle de comunicación para ter en conta as propostas dos veciños. Abrimos o concello e a política local aos veciños e ás asociacións para facelos partícipes dela”.

Reunión Camiño Norte

A alcaldesa de Mondoñedo anunciou que promovería a creación dun ente entre os concellos do Camiño Norte para establecer políticas de acción coordinadas e deste xeito “buscar sinerxías entre as distintas administracións locais polas que transcorre esta ruta Xacobea”. Nesta liña de traballo, Elena Candia convocou aos alcaldes do Camiño Norte para o vindeiro 5 de outubro, ás 12:00 horas en Mondoñedo.

Publicidad