Editorial Galaxia recibiu a distinción de entidade Cunqueiriana de Honra de 2025 en Mondoñedo

Este venres 28 de febreiro, coincidindo co cuadraxésimo cuarto cabodano de Álvaro Cunqueiro, celebrouse en Mondoñedo a entrega da distinción de entidade Cunqueiriana de Honra de 2025 á Editorial Galaxia. Esta editora foi responsable da publicación da maior parte das obras de Cunqueiro, incluíndo “Merlín e Familia”, “As crónicas do sochantre”, “O incerto señor don Hamlet, Príncipe de Dinamarca” e “Os Outros Feirantes”, entre outras.

Os actos de conmemoración comezaron ás 11:00h no Cemiterio Vello con unha Ofrenda Floral diante da tumba do autor. Asistiron autoridades locais, provinciais e autonómicas, así como familiares de Cunqueiro, intelectuais da cidade e unha representación da Editorial Galaxia. Tamén se depositou unha rosa vermella na tumba de Manuel Leiras Pulpeiro, outro grande prócer literario de Mondoñedo.

A continuación, a comitiva trasladouse ao Salón de Plenos do Concello, onde se celebrou a cerimonia de entrega da distinción. O coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, tomou a palabra en nome da comisión responsable da distinción. Seguidamente, César Cunqueiro, fillo do insigne escritor, interveu para facer a laudatio da institución homenaxeada. Tras el, o representante da Editorial Galaxia pronunciou o seu discurso de recepción. A cerimonia concluíu coa intervención das autoridades e a lectura pública dunha obra de Cunqueiro, iniciada pola entidade distinguida e continuada polos asistentes.