Candia promoverá a creación dun ente entre os concellos do Camiño Norte para establecer políticas de acción coordinadas

A alcaldesa de Mondoñedo busca conseguir sinerxías entre as distintas administracións locais polas que transcorren as distintas etapas do Camiño Norte na provinciaç

Candia promoverá a creación dun ente entre os concellos do Camiño Norte para establecer políticas de acción coordinadas

A alcaldesa convocará por carta a todos os rexedores para comezar a traballar nesta proposta de constitución dun ente unido que permitirá de xeito conxunto aproveitar o potencial turístico que ofrece o Camiño e incrementar a súa promoción

Mondoñedo, 2 de agosto de 2015- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, considera necesario e vital o traballo conxunto para a promoción do Camiño Norte e nesta liña promoverá a creación dun ente que aglutine aos concellos de Lugo polos que transcorre esta ruta xacobea.

Candia convocará por carta aos alcaldes dos distintos concellos para trasladarlles esta proposta e comezar a traballar na futura constitución deste ente unido que, segundo a alcaldesa, “permitirá de xeito conxunto aproveitar o potencial turístico que ofrece o Camiño e incrementar a súa promoción”.

Deste xeito, a alcaldesa de Mondoñedo convida aos rexedores locais de Ribadeo, Trabada, Barreiros, Lourenzá, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte e Friol a establecer sinerxías que contribúan a acadar políticas de acción colaborativas a nivel turístico, tomando como referencia, polo tanto, o Camiño Norte, que hoxe en día conta con repercusión a nivel mundial.

Candia considera que estamos ante o reto de “saber aproveitar con intelixencia o recoñecemento que volve a situar á provincia como referente mundial no eido do patrimonio cultural e de saber responder aos peregrinos que visitarán os nosos concellos”.

Por iso, a alcaldesa defende a unidade e o traballo conxunto para promocionar tamén os recursos turísticos, patrimoniais, culturais e históricos que ofrecen cada un dos municipios polos que pasa o Camiño Norte. Trátase dunha iniciativa, que repercutirá de xeito beneficioso na economía local.

Publicidad

 

 

 

 

O BNG non está “lexitimado” para falar de limpeza das rúas cando “en oito anos se esqueceron de Mondoñedo e do seu coidado e mantemento”

O BNG non está “lexitimado” para falar de limpeza das rúas cando “en oito anos se esqueceron de Mondoñedo e do seu coidado e mantemento”

Otero Rejes asegura que o traballo do Goberno local é visible e dende a primeira semana estanse a levar a cabo actuacións tanto de limpeza como de desbroce no casco urbano e no rural

Mondoñedo, 3 de agosto de 2015- O edil de Servizos, Urbanismo e Obras, José Otero Rejes, amosou hoxe a súa sorpresa ante as declaracións feitas polos nacionalistas locais que “en oito anos de goberno esqueceronse do coidado e mantemento de Mondoñedo. Non están lexitimados para dar leccións en limpeza das rúas, despois do estado de abandono no que nos deixaron a cidade”.

“Pouco tempo lles fixo falta para esquecérense da súa falta de xestión”, manifestou o edil, quen criticou “o atrevemento dos nacionalistas” á hora de cuestionar as accións que está a desenvolver o actual Goberno local dirixidas á limpeza e ao desbroce tanto no casco urbano como no rural. “Parece que lles molesta que se traballe”, matizou.

Otero Rejes lembrou que, xa na primeira semana con responsabilidades de goberno, os populares actuaron nun total de 20 quilómetros de rutas e camiños. “Traballamos nas rutas da Auga, do Salto do Coro en Sete Voltas, así como en parte do Camiño Norte”, enumerou o concelleiro.

Ademais, en só dous meses procedeuse á limpeza de rúas como son a Avenida de Bos Aires, a Avenida Eladio Lorenzo, a Avenida de Ferrol ou as rúas da Fonte Vella, Viñas da Veiga, Rocha de Vélez, Os Castros, da Ponte, Casas Novas, Imprenta, Julia Pardo, Pardo de Cela, José María Pardo, Álvaro Cunqueiro, Muíños de Arriba e Muíños de Abaixo,  así como no monumento da Fonte Vella “que se atopaba nun estado deplorable sen limpeza de moitos meses”, e mesmo na Praza do Concello, na de San Juan, na do Seminario ou no parque infantil.

Otero Rejes asegura que todos estes traballos de limpeza que lle “parecen insuficientes aos nacionalistas, foron traballos de limpeza profunda, de vexetación herbácea que levaba máis de 4 e de 5 meses sen ningún tipo de mantemento e en absoluto abandono”.

O edil pídelles aos nacionalistas que antes de redactar queixas “mellor que se informen xa que, por exemplo, fai dous días que se procedeu a limpar o interior da zona verde da Escola Infantil e hoxe iniciouse a do C.E.I.P  Álvaro Cunqueiro, que se rematará nos próximos días”.

Respecto ás queixas veciñais sobre o forte cheiro dos colectores, Otero Rejes lémbralle ao BNG que “en todos os casos dos que o Goberno local tivo constancia, se procedeu á substitución dos contedores por uns novos”. Polo tanto, o edil conclúe ao asegurar que  “todas as actuacións están a vista”.

Publicidad

 

Candia solicita financiamento ao Goberno central para a rehabilitación da rúa Lence Santar

Os deputados nacionais por Lugo rexistraron unha emenda aos orzamentos do Estado de 2016 co obxecto de que se concrete unha partida económica para atender a esta obra

Mondoñedo, 31 de agosto de 2015- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, solicitou ao Goberno central financiamento para realizar actuacións de mellora na rúa Lence Santar, no casco histórico da localidade.En concreto, a alcaldesa tramitou a petición a través dos deputados nacionais por Lugo, que rexistraron unha emenda aos orzamentos de 2016, a través da que se solicitan que se concrete nunha partida orzamentaria o compromiso de iniciar estas actuacións.A emenda rexistrada polo Grupo Parlamentario do Partido Popular no Congreso dos Deputados inclúe a petición dun importe total de 200.000 euros da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, que permitirían iniciar os trámites de cara a realizar as obras necesarias nesta rúa.A alcaldesa explicou que esta emenda se debaterá a próxima semana no transcurso do debate en Comisión de emendas aos orzamentos. Candia quixo agradecer a dispoñibilidade e o traballo dos deputados nacionais para canalizar esta petición, que responde a unha demanda e a unha necesidade dos veciños.

Publicidad

 

O Concello de Mondoñedo comprométese coa recuperación da actividade dos obradoiros de artesanía dos Muíños

A alcaldesa de Mondoñedo mantivo unha reunión cos artesáns na que reafirmou que dende o actual goberno local non se admitirán incumprimentos nas aperturas dos obradoiros de artesanía

Candia anunciou que se consensuará un plan de traballo para 2016, ao que se lle deberá dar cumprimento – A popular lembra que este proxecto de recuperación dos Muíños foi abandonado polo bipartito no goberno, pese a ser recoñecido cun premio Agader

Mondoñedo, 28 de agosto de 2015– A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, deixa claro o compromiso do goberno municipal coa recuperación da actividade dos obradoiros de artesanía dos Muíños. Resalta a importancia deste proxecto tanto para dinamizar o barrio como dende o punto de vista turístico.Para avanzar nesta proposta de traballo “firme e seria”, a alcaldesa mantivo unha reunión cos artesáns durante a que incidiu en que dende o actual goberno local non se admitirán incumprimentos nas aperturas destes obradoiros. Candia adiantou que se consensuará un plan de traballo a desenvolver no 2016, e ao que se lle deberá dar cumprimento. A popular lembra que nos Muíños se desenvolveu, impulsado polo PP no Concello, un proxecto de recuperación deste barrio, no que se incluíu a promoción e o asentamento destas actividades de artesáns nos Muíños. O proxecto foi recoñecido co premio Agader ao Embelecemento do Medio Rural Galego no 2005, pero o bipartito no goberno “abandonouno, non regulou a situación, nin renovou os convenios…”.Por último, a alcaldesa asegurou que no plan que o goberno local desenvolverá a nivel turístico ten “especial protagonismo” os Muíños. Un dos primeiros compromisos adquiridos e ao que se lle deu cumprimento neste barrio foi o da recuperación das canles, que se “limparon e se dotaron de auga”.

Publicidad

 

 

O Concello de Mondoñedo tramitará os cambios de domicilio en permisos de condución e de circulación

A alcaldesa asinou esta mañá o protocolo de adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre o Organismo Autónomo Xefatura Central de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias para o intercambio de información e mutua colaboración administrativa.

Candia explica que os veciños poderán realizar na administración local os cambios de domicilio do seu permiso de condución e de circulación sen ter que desprazarse á Xefatura Provincial de Tráfico.

Mondoñedo, 24 de agosto de 2015- Os cambios de domicilio en permisos de condución e de circulación poderán realizarse dende hoxe no Concello de Mondoñedo, sen ser necesario que o cidadán se desprace á Xefatura Provincial de Tráfico.
Para que este trámite puidese ser levado a cabo dende a administración local, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, asinou o protocolo de adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre o Organismo Autónomo Xefatura Central de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias para o intercambio de información e mutua colaboración administrativa.
A adhesión ao convenio materializouse esta mañá no Concello de Mondoñedo coa firma do protocolo e durante o acto institucional estivo presente a directora xeral de Tráfico de Lugo, Paula Yubero.
Candia explica que ata o momento actual, os cidadáns que cambiaban de domicilio e se empadroaban no concello, debían desprazarse á Xefatura Provincial de Tráfico para efectuar o cambio nos seus documentos persoais relacionados con tráfico. “Coa adhesión a este convenio o veciño poderá realizar este trámite dende a oficina municipal e evitámoslle así desprazamentos innecesarios”, matiza a alcaldesa.

Para máis información: 982 524 003 / 646 115 445/ 686 511 770

Publicidad