Mondoñedo acollerá un campus de baloncesto o próximo ano

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, vén de manter un encontro de traballo co responsable de Campus del Basket, Eduardo Pascual, responsable da organización o vindeiro ano dun campus de baloncesto que achegará á localidade a 400 mozos e mozas de todo o territorio nacional.

A iniciativa está deseñada para nenos e nenas desde os 6 aos 18 anos, que entre o 1 e o 16 de xullo convivirán en Mondoñedo ao tempo que aprenderán a modalidade deportiva do baloncesto. Amais, aproveitarán a súa estancia na localidade para facer rutas turísticas pola comarca e coñecer “a fondo” a cidade.

Trátase dunha iniciativa que por vez primeira recunca en Mondoñedo, pero que xa tivo un éxito notable noutras localidade da Mariña nas que se levou a cabo, como en Ribadeo.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, explica que o campus se desenvolverá durante tres anos en Mondoñedo “con vontade de continuar”. Destaca a posta en marcha de iniciativas saudables “que ademais axudan a que o noso Concello siga abrindo as súas portas cada día a máis visitantes”.

Así, abunda, o equipo de Goberno ofrécelles todo o seu apoio toda vez que considera que é unha nova oportunidade de promoción e dinamización económica para o Concello. “Non só son os 400 mozos e mozas que inicialmente virán a Mondoñedo, senón que podemos ter tamén visitas das súas familias e así espallar os tesouros do noso concello por toda España”, indica.

volver