Fotos do mitin do partido Popular en Mondoñedo

eleccións municipais 2023

MONDOÑEDO: PROXECTOS PARA SEGUIR AVANZANDO
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pechou o recorrido pola Mariña en Mondoñedo, onde participou nun mitin na Casa da Xuventude. O candidato popular a repetir na alcaldía, Manolo Otero, debullou o programa que presenta para estas eleccións, con especial atención ás propostas para a zona rural, os servizos sociais, o urbanismo, a vivenda e o medio ambiente. Con respecto a Vivenda e Urbanismo sinalou que se desenvolverán as obras previstas no Plan Rexurbe, tanto no que se refire ás vivendas como aos espazos público. Anunciou que se rematará a renovación do plan especial do casco histórico; remataranse tamén as obras do acceso norte na zona de Xiros. Na mesma liña comprometeu a mellora do acceso sur, a creación dunha senda segura para peóns entre San Lázaro, Coto da Recadieira e A Fervenza, ademais de mellorar a Rúa da Fonte entre o Seminario e a Avenida de Buenos Aires. O programa inclúe a renovación dos aseos públicos na Alameda e rematar as obras na Praza da Catedral. Por outro lado, comprometese a aumentar os puntos de recarga de vehículos eléctricos, mellora da limpeza do saneamento, minimización de perdas da rede de auga e melloras no servizo de limpeza.

Otero, en canto á zona rural, área prioritaria para os populares, destacou a continuidade do plan de renovación de firmes nas pistas rurais e asegurou que se traballará en colaboración da Xunta para crear franxas de seguridade contra incendios forestais, mellorarase a sinalización de núcleos, acelerarase a instalación de fibra óptica e intervirase para mellorar a seguridade na Ponte do Arco en Masma. En canto a servizos sociais anunciou a posta en marcha de apartamentos tutelados e dunha vivenda de emerxencia, así como a creación do Programa de Maiores en Soidade, entre outras iniciativas.

Pola súa parte, o coordinador xeral do PP da provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que Mondoñedo “tivo unha gran alcaldesa e ten un gran alcalde”. Este concello, debido a xestión dos gobernos populares, “tivo un cambio moi importante, en positivo, moi favorable aos veciños e veciñas e o importante é que siga nesta senda”.