O Goberno propón en pleno que se elimine o pago de licenza de obra polo arranxo de cubertas e de fachadas de vivendas ruinosas

A alcaldesa tamén asinou coa Xunta e con Fomento o convenio regulador dunha axuda de 111.750 euros, dirixida a subvencionar actuacións de rehabilitación executadas por propietarios de vivendas.

Candia anuncia tamén que se está a traballar en máis medidas dirixidas á rehabilitación de vivendas e que se está en contacto con entidades financeiras

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anuncia que o Goberno municipal levará ao próximo pleno local unha iniciativas a través da que propón que se elimine o pago de licenza de obra polos arranxos de cubertas e de fachadas de vivendas que se atopen nun estado de ruína.

Candia defende que as administracións deben liderar propostas para incentivar que os propietarios poñan en valor os seus inmobles. “Ademais de ser bo individualmente para os donos das vivendas, o feito de que estean arranxadas tamén acaba sendo un beneficio para toda a cidade”, engade. Mondoñedo conta cun importe número de inmobles en mal estado que “ademais de non ser bo esteticamente, tamén pode chegar a afectar á seguridade de veciños e de inmobles colindantes”, matiza.

A alcaldesa de Mondoñedo lembra que é un compromiso do Goberno do Partido Popular local incentivar o arranxo das vivendas e, do mesmo xeito, dende a administración tamén pretenden colaborar e “ofrecer posibilidades aos propietarios que prefiran desfacerse dos seus inmobles”. Así, a moción plenaria tamén inclúe unha segunda proposta, a de crear por parte do Concello un censo de vivendas en venda que sería publicado na páxina web oficial.

Sinatura de convenio

A alcaldesa de Mondoñedo tamén lembra que onte asinou un convenio coa Xunta de Galicia e co Ministerio de Fomento, regulador dunha subvención de 111.750 euros, dirixida a colaborar coas actuacións de rehabilitación executadas polos propietarios de vivendas emprazadas na área de rehabilitación.

Por último, Candia anuncia tamén que se está a traballar en máis medidas dirixidas á rehabilitación de vivendas e que se está en contacto con entidades financeiras

volver