O Concello de Mondoñedo mellora a sinalización virtual dos recursos turísticos locais coa finalidade de ampliar a súa promoción e poñelos en valor e faino a través da posta en marcha dun proxecto de xeoreferenciación (localización xeográfica) destes puntos de interese para o turista. A alcaldesa da localidade, Elena Candia, asegura que a “boa presenza no espazo virtual é clave na promoción turística de Mondoñedo e por iso queremos aproveitar todas as ferramentas que nos ofrecen as novas tecnoloxías”.
En concreto, dende a administración local desenvolveuse un proxecto de xeoreferenciación dos recursos turísticos mindonienses co emprego de novas tecnoloxías, o que permite unha mellor xeolocalización dos recursos. Deste xeito, o Google Maps reflicte con máis exactitude os roteiros grazas a publicación de fotografías esféricas que percorren distintas rutas do Concello e que enlazadas entre si fan posible realizar un percorrido virtual polas zonas de maior interese turístico da localidade.
Roteiros virtuais con imaxes en 360 grados
Os roteiros e elementos puntuais fotografáronse mediante cámaras 360º, obtendo unha imaxe esférica en cada posicionamento. Estas fotografías retocáronse e reviráronse co obxecto de que as coordenadas se axeitasen á posición real. Unha vez xeorreferenciadas, as fotografías integráronse no Google Maps e posteriormente enlazáronse unhas con outras de maneira que se consigue un efecto de realidade virtual no que se pode desprazar dunha fotografía á seguinte ó longo dos lugares de maior interese turístico do concello de Mondoñedo.
A maiores, Google permite o uso da súa API de mapas para mostrar mapas en páxinas web e así introducíronse as rutas e os puntos de interese nos mapas de Google que posteriormente se incluirán na web oficial do Concello de Mondoñedo, www.concellomondonedo.es. Unha vez estea isto introducido, o usuario final poderá acceder a cada ruta sen ningún problema.
Ligazóns dalgunhas das rutas de interese público
Santuario da Virxe dos Remedios
Seminario Conciliar Santa Catalina
Hospital San Paulo e San Lazaro
Ponte do Pasatempo ou de Ruzos
Catedral de Mondoñedo (interior, ruta)
Axuda da Xunta de Galicia
Elena Candia defendeu a importancia e o “efecto positivo” deste proxecto xa que o uso das novas tecnoloxías “son esenciais” para a posta en valor dos “nosos recursos turísticos, dalos a coñecer e que o usuario poda aprecialos nas melloras calidades e condicións posibles”.
Segundo explica a alcaldesa, este proxecto desenvolveuse ao abeiro da subvención concedida pola Xunta de Galicia en apoio aos investimentos para uso público en infraestruturas recreativas, información turística e infraestrutura turística a pequena escala, mediante o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural.