A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, avanza que o Concello que goberna facilitará o acceso aos locais municipais baleiros para aquelas empresas e autónomos que decidan emprender. Con este fin o Goberno local aprobará o vindeiro xoves unha ordenanza na que se regule a contratación deses espazos, cuxo prezo por metro cadrado será de 3,5 euros no caso de ter acceso de vía e 2,5 euros sen el.
Inicialmente o Goberno local porá en aluguer tres espazos infrautilizados, un deles na Praza de Abastos, outro no quiosco das San Lucas e outro na contorna do Concello.
A alcaldesa da localidade, a popular Elena Candia, explica que se poñen espazos a disposición dos emprendedores, ao tempo que se recada unha cantidade para destinar ao mantemento deses locais, evitando así o seu deterioro. “Cumprimos un dobre obxectivo, axudamos a aqueles que buscan un local para acometer a súa actividade empresarial e ao mesmo tempo garantimos que eses espazos permanecen en bo estado de conservación”, engade.
A rexedora subliña ademais a vida e o movemento económico que este tipo de actividade pode carrexar para o centro da localidade. “Conseguimos así atraer actividade ao centro de Mondoñedo, contribuímos a xerar novos postos de traballo e conseguimos ingresos para o mantemento deses locais agora en desuso”, conclúe.