Mondoñedo celebra a apertura dun novo espazo comercial que promete dinamizar a súa actividade económica e social. Isa e Susana, dúas emprendedoras apaixonadas pola cidade, decidiron apostar por un concepto innovador: un “laboratorio comercial” que combina moda, decoración para o fogar e pezas vintage e retro, creando unha experiencia de compra única.
Este establecemento non só ofrece produtos con historia e personalidade, senón que tamén representa un impulso á revitalización do comercio local. As fundadoras buscan inspirar a outros emprendedores para que se sumen á transformación comercial de Mondoñedo, promovendo novas alternativas de negocio que atraian tanto aos veciños como aos visitantes.
A apertura deste espazo marca un novo capítulo no panorama comercial da cidade, demostrando que a creatividade e a paixón son clave para construír iniciativas sostibles e exitosas.
Non perdas detalle da Semana Santa que ano tras ano une os mindonienses! 📸🙏
A fe persiste: emoción na Procesión da Soledad en Mondoñedo
Para rematar a Semana Santa de Mondoñedo, a Procesión da Soledad amosa a gran cantidade de xente devota, ou que polo menos cre e se agarra a algo. Todos, en conxunto, crean momentos moi emotivos nas procesións.
Un dos instantes máis conmovedores aconteceu cando a procesión percorreu o claustro da Catedral, un espazo cheo de historia e espiritualidade. O silencio respectuoso, a luz das velas e o eco dos pasos engadiron unha atmosfera única, intensificando a solemnidade do momento.
Non está todo perdido, hai fe.
A emoción e solemnidade da Banda da Orden Terceira na procesión do Santo Enterro en Mondoñedo
A Banda da Orden Terceira de Mondoñedo protagonizou un dos momentos máis emotivos da procesión do Santo Enterro, celebrada ás seis da tarde no interior da impoñente Catedral mindoniense.
A procesión, que percorreu o templo histórico, foi un dos actos centrais da Semana Santa mindoniense, atraendo a veciños e visitantes que se achegaron a compartir este instante de fe . O son da Banda da Orden Terceira elevou a intensidade emocional da cerimonia, deixando unha pegada imborrable na memoria de todos os presentes.
A fe mantense en Mondoñedo: o Vía Crucis celebrouse no Claustro da Catedral
Despois da cancelación do Santo Encuentro, os fieis de Mondoñedo puideron vivir o Vía Crucis que tivo lugar no Claustro da Catedral. A procesión iniciouse ás doce do mediodía, ofrecendo un espazo de reflexión e recollimento.
Polo visto, as restantes procesións previstas para estes días—o Santo Enterro e a da Soledad—manteranse segundo o programado. No caso de choiva, realizaranse no interior da Catedral, garantindo así a celebración destes actos litúrxicos tan arraigados na Semana Santa mindoniense.
A pesar dos contratempos, a tradición e a fe seguen máis vivas ca nunca.
O Vía-Crucis dos Remedios e San Blas, unha procesión adaptada ao tempo
Sumamos novas imaxes á galería da Semana Santa Mindoniense co Vía-Crucis dos Remedios e San Blas. A procesión, que inicialmente ía celebrarse no exterior, trasladouse á igrexa dos Remedios ante a posibilidade de choiva, aínda que finalmente o tempo mantívose estable. O acto iniciou ás sete da tarde, conservando a devoción propias da celebración.
Domingo de Ramos
Mondoñedo inicia a Semana Santa cunha multitudinaria procesión de DOMINGO DE RAMOS.
Mondoñedo deu comezo á súa tradicional Semana Santa cunha gran afluencia de fieis nas procesións de Domingo de Ramos e do ECCE HOMO. A celebración, que marcou o inicio desta época de reflexión , contou cun tempo favorable que permitiu que os actos transcorresen sen ningún tipo de contratempo.
A primeira das procesións, a do Domingo de Ramos, partiu ás once e media da mañá desde a Iglesia Nova, percorrendo o itinerario habitual e acompañada por unha nutrida participación. Pola tarde, a esperada procesión do ECCE HOMO iniciou o seu percorrido desde Alcántara ás sete en punto, congregando numerosos asistentes que acompañaron a imaxe ao longo do seu traxecto polas rúas históricas da cidade.
Este sábado, a cidade de Mondoñedo vestiuse de festa para celebrar un Antroido 2025 inesquecible. Ás cinco da tarde deu comezo unha tarde repleta de maxia e cor, onde un sen fin de participantes encheron as rúas coa súa creatividade e entusiasmo.
O tempo, aínda que ameazaba con algunha treboada, mostrouse favorable e deixou que o evento se desenvolvese sen imprevistos. Nun ambiente cheo de alegría, os veciños e visitantes gozaron dun dos carnavais máis fermosos da rexión.
Entre música, disfraces espectaculares e moito humor, Mondoñedo demostrou unha vez máis por que o seu Antroido é unha das citas máis esperadas do ano. Foi, sen dúbida, unha festa para recordar.
1. Todos os participantes poderán anotarse no correo entroidomindoniense@gmail.com ou nos teléfonos 982524003 (INSCRICIÓNS) e 982507177 (INFORMACIÓN). O prazo máximo para inscribirse será ata as 23,59 horas do venres 7 de marzo. Á hora de inscribirse facilitaranse os seguintes datos: nome do disfraz, nome completo da persoa disfrazada, número do DNI da persoa representante, teléfono de contacto, enderezo, e no caso de grupos e comparsas, nome da asociación, cif, e/ou nome completo dunha persoa responsable do grupo.
2. Os dorsais deberán ser recollidos entre as 16 e 17 horas do sábado, do edificio municipal do Campo dos Paxariños (antiga oficina de Emprego) e serán adheridos ao disfraz nun lugar visible.
3. Ás 17 horas, os disfraces deberán estar preparados para atender ás indicacións da organización e proceder ao seu posicionamento no desfile, para que discorra coa máxima orde posible e cumprir co horario previsto.
4. O desfile sairá do Campo dos Paxariños, ás 17:30 horas, e percorrerá a avenida San Lucas e as rúas Bispo Sarmiento, Andrés Baamonde e Progreso para finalizar na Praza da Catedral.
5. As comparsas e charangas que gardarán unha entidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación.
6. Considerase categoría infantil aqueles participantes menores de ata 12 anos de idade incluídos. No apartado de grupos infantil, polo menos a metade dos seus compoñentes deberán ser menores de ata 12 anos de idade, podendo ir acompañados de varios maiores disfrazados. As parellas compostas por un membro maior de idade deberán anotarse na categoría de adultos. Os menores da categoría infantil poden ir acompañados en todo momento por unha persoa maior responsable.
7. Os grupos de adultos poderán anotarse en dúas categorías en función do seu tamaño: ata 10 ou máis de 10 membros. Os grupos que concorran acompañados dunha carroza deberán cumprir as seguintes dimensións para poder desfilar polas rúas da cidade: 2,5 metros de ancho, 7 metros de longo e 4 metros de alto.
8. O xurado cualificará tanto nas rúas como na propia praza da Catedral, onde todos os participantes poderán interpretar a actuación que teñen preparada, de ser o caso. No que respecta a grupos e comparsas, o tempo de actuación na praza da Catedral non poderá ser moi superior aos 5 minutos.
9. Á hora de conceder os premios valoraranse aspectos coma a orixinalidade, vestiario, calidade musical, capacidade de representación, respecto co medio ambiente, etc.
10. Na entrega de premios é necesario que cada premiado recolla o premio co seu disfraz ou unha parte do mesmo que o identifique. É imprescindible que os disfraces, grupos ou comparsas estean no lugar de entrega, polo menos unha parte dos seus compoñentes, quedando DESERTO o premio no caso de incumprimento.
11. O importe dos premios será efectuado por ingreso bancario os días posteriores ao desfile. Enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre as persoas físicas. Solicítase que os disfraces gañadores aporten un número de conta bancaria para poder efectuar o ingreso correspondente nos días posteriores. No caso dos menores, serán os pais, nais ou titores os que deberán aportar o número de conta.
12. A presentación neste concurso implica a autorización de uso das imaxes que se realicen durante o desfile para unha correcta promoción e difusión en redes sociais e outros medios de comunicación.
13. Recoméndase aos concursantes actuar con respecto e evitando ferir a sensibilidade de persoas, maltrato animal ou desobedecer as indicacións da organización. As decisións da organización son inapelables, tendo potestade para tomar calquera tipo de decisión ou cancelación.
Este venres 28 de febreiro, coincidindo co cuadraxésimo cuarto cabodano de Álvaro Cunqueiro, celebrouse en Mondoñedo a entrega da distinción de entidade Cunqueiriana de Honra de 2025 á Editorial Galaxia. Esta editora foi responsable da publicación da maior parte das obras de Cunqueiro, incluíndo “Merlín e Familia”, “As crónicas do sochantre”, “O incerto señor don Hamlet, Príncipe de Dinamarca” e “Os Outros Feirantes”, entre outras.
Os actos de conmemoración comezaron ás 11:00h no Cemiterio Vello con unha Ofrenda Floral diante da tumba do autor. Asistiron autoridades locais, provinciais e autonómicas, así como familiares de Cunqueiro, intelectuais da cidade e unha representación da Editorial Galaxia. Tamén se depositou unha rosa vermella na tumba de Manuel Leiras Pulpeiro, outro grande prócer literario de Mondoñedo.
A continuación, a comitiva trasladouse ao Salón de Plenos do Concello, onde se celebrou a cerimonia de entrega da distinción. O coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, tomou a palabra en nome da comisión responsable da distinción. Seguidamente, César Cunqueiro, fillo do insigne escritor, interveu para facer a laudatio da institución homenaxeada. Tras el, o representante da Editorial Galaxia pronunciou o seu discurso de recepción. A cerimonia concluíu coa intervención das autoridades e a lectura pública dunha obra de Cunqueiro, iniciada pola entidade distinguida e continuada polos asistentes.
A Editorial Galaxia recibirá en Mondoñedo a distinción de entidade Cunqueiriana de Honra de 2025
Este venres 28, coincidindo co cuadraxésimo cuarto cabodano de Álvaro Cunqueiro, faráselle entrega da distinción de entidade Cunqueiriana de Honra de 2025 á Editorial Galaxia, editora da maior parte das obras de Álvaro Cunqueiro, tales como Merlín e Familia, As crónicas do sochantre, O incerto señor don Hamlet, Príncipe de Dinamarca ou Os Outros Feirantes, entre outras. Será en Mondoñedo, no marco dos actos conmemorativos da efeméride do escritor.
Os actos de conmemoración do cabodano de Cunqueiro comezarán ás 11:00h no Cemiterio Vello, onde terá lugar a Ofrenda Floral diante da tumba do autor. Está previsto que asistan á mesma autoridades locais, provinciais e autonómicas, así como familiares de Álvaro Cunqueiro, intelectuais da cidade e unha representación da Editorial Galaxia. Nesta mesma visita, e como xa é tradición, tamén se depositará unha rosa vermella na tumba de Manuel Leiras Pulpeiro, outro dos grandes próceres literarios mindonienses.
A seguir, a comitiva trasladarase ao Salón de Plenos do Concello, onde se celebrará a cerimonia de entrega da distinción de entidade Cunqueiriana de Honra á Editorial Galaxia. Alí tomará a palabra en primeiro lugar, en nome da comisión responsable da distinción, o coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo. Acto seguido será César Cunqueiro, fillo do insigne escritor mindoniense. quen intervirá e fará a laudatio da institución homenaxeada. Inmediatamente despois, o representante da Editorial Galaxia pronunciará o seu discurso de recepción e o acto rematará coa intervención das autoridades e da presidencia, amais de coa lectura pública dunha obra de Cunqueiro, que iniciará a entidade distinguida e continuarán logo outras persoas asistentes.
Todos os actos deste día son públicos e abertos a quen queira achegarse a homenaxear o noso ilustre D. Álvaro Cunqueiro.