O Goberno local programa para os días 11, 12 e 13 de decembro as XV Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía Vallaamil y Castro

O Goberno local do Concello de Mondoñedo programa para os días 11, 12 e 13 de decembro as XV Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía Vallaamil y Castro. Para a súa organización o Goberno local conta coa colaboración da Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

Programa

As xornadas darán comezo o día 11 de decembro ás 19:30 horas coa recollida de documentación no salón de actos da Casa da Xuventude. De seguido terá lugar o acto de inauguración e ás 20:00 horas o arqueólogo e antropólogo Francisco Calo Lourido pronunciará o relatorio A verba celta é tan polisémica que perdeu o seu significado.

O sábado ás 18:30 horas o relatorio correrá a cargo de Fermín Pérez Losada, da Universidade de Vigo, e levará por título: Arqueoloxía dos asentamentos rurais na Galicia romana: villae e casais.

O domingo día 13 ás 09:00 farase a saída de Mondoñedo para visitar o xacemento romano de Cambre, en A Coruña. Amais do xacemento, tamén se verá a igrexa de Santa María de Cambre, do século XII. Os participantes estarán acompañados polo director do xacemento romano, Ramón Boga Moscoso.

Matrícula

A matrícula do curso é de balde e pódese tramitar por correo ordinario -no enderezo Praza do Concello, s/n, 27740 Mondoñedo, Lugo- por fax, no número 982507421, ou a través do teléfono 982524003. Tamén se pode facer a través do correo xornadas.arqueo@gmail.com.

A matrícula por correo electrónico pechará o día 11 ás 00:00 horas e ás 14:00 horas por correo ordinario.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, subliña a importancia dunhas xornadas que este ano celebran a súa edición número XV. “A súa continuidade vén a demostrar a nosa aposta decidida pola cultura, clave para o desenvolvemento do noso municipio”, remarca.

Volver

 

 

 

 

O Goberno local nomeará a Don Enrique Cal Pardo fillo adoptivo de Mondoñedo

Mondoñedo, 7 de novembro de 2015.-  A Corporación de Mondoñedo aprobou onte por unanimidade, a proposta da alcaldesa, iniciar o expediente de nomeamento de fillo adoptivo do municipio a Don Enrique Cal Pardo como agradecemento ao seu coñecemento exhaustivo da historia de Mondoñedo e a súa inmensa labor no arquivo Catedralicio.

No día de hoxe a alcaldesa, a popular Elena Candia, preside os actos de homenaxe coa presentación do libro de Cal Pardo Mondoñedo, catedral, cidade, bispado na segunda metade do século XV.

No transcurso dos mesmos, Elena Candia enxalzou a figura “dun estudoso que día a día nos axuda a coñecer mellor a nosa terra e sentirnos profundamente orgullosos dos nosos antepasados, os que sentaron as bases do que hoxe somos”. “É a voz da Historia de Mondoñedo e de Galicia”, destacou, nun acto marcado pola emotividade.

A rexedora subliñou ademais o carácter amable e voluntarioso dun home profundamente comprometido con Mondoñedo, preocupado polo estudo do seu pasado e pola súa evolución, “unha persoa á que queremos homenaxear polo seu importante traballo cultural e literario e pola súa encomiable achega sobre a nosa localidade”, expuxo.

 

Perfil

Profesor de Teoloxía no Seminario Maior de Mondoñedo (Lugo) entre os anos 1946-1967. Profesor de Teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelá (Santiago) entre os anos 1970 e 1992. Formador do Seminario de Mondoñedo (1946-1954). Reitor do Seminario de Mondoñedo (1956-1958). Canónigo Archiveiro da Catedral de Mondoñedo desde 1953. Deán da Catedral de Mondoñedo desde 1979. Pro-Canciller do bispado de Mondoñedo entre os anos 1958-1966. Director Diocesano do Apostolado da Oración (1958-1967).

Volver

Elena Candia anuncia a adxudicación da redacción do proxecto da Casa Museo de Cunqueiro

A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, vén de anunciar a adxudicación da redacción do proxecto da Casa Museo de Cunqueiro á arquitecta Gloria Trigo. Candia subliña que o obxectivo do proxecto “ademais de por en valor a edificación, pretende ser unha lembranza viva ao ilustre escritor, polo que se tratará de que sexa un centro dinamizador e un proxecto cultural ambicioso”.

Entre os requisitos que establece o Goberno local figura que a arquitecta estableza contactos  cos persoeiros do mundo da cultura para que poidan achegar ideas que enriquezan o proxecto.

Elena Candia explica que o proxecto de Casa Museo pretende que se poida contemplar cómo era, onde vivía e cómo traballaba o escritor, ao tempo que se fará unha aproximación á súa obra literaria. A proposta inclúe un café tertulia pensando para os veciños e veciñas de Mondoñedo e unha gastroteca, que afondará na gastronomía literaria do autor.

O proxecto

Desde o punto de vista construtivo tratarase de recuperar a integridade estrutural e compositiva da edificación na súa volumetría actual intentando non só conservar, senón mostrar as singularidades desta construción tradicional propia da zona e do tempo no que se realizou. Ao ser unha casa museo, reconstruíranse os espazos cos materiais, as luces e os obxectos que había cando estivo habitada por Cunqueiro para que o visitante se sinta no ambiente no que el vivía.

Unha parte da edificación ocupará os usos museísticos, recepción, sala de estudo e exposición e escaleira de comunicación. Desde esta zona accederase ao resto dos espazos: café tertulia, gastroteca e servizos asociados que se ubicarán na parte traseira da edificación, aberta cara o patio e con acceso desde este. Esta composición facilitará a entrada de mercancías para a gastroteca sen interferir na normal actividade do museo.

Desde o acceso posterior, situado a nivel da primeira planta, poderase entrar ao patio posterior e desde este, directamente á planta segunda a través dunha escaleira. É un espazo que, unha vez acondicionado, poderá servir como terraza ao exterior nos días cálidos.

A planta baixocuberta ocupará a totalidade do espazo expositivo, entre o que se fará unha reconstrución da habitación do escritor.

En detalle

Planta baixa. Será desde onde se accede ao edificio. Na recepción situarase a escaleira de acceso ás plantas superiores, coincidindo co tramo de escaleira existente no baixo cuberta e ocupando un espazo que xa tivo no pasado.

Café tertulia. Situarase na parte posterior da planta baixa. Os aseos e almacén estarán noutras plantas, obrigados polo escaso espazo. Preténdese crear un espazo íntimo que convide á conversa relaxada.

Planta primeira. Salas expositivas. O espazo expositivo habilitarase na parte frontal da edificación. Terá vistas á Catedral e amosará a obra de Cunqueiro desde a perspectiva da súa inspiración.

Planta baixa. Será desde onde se accede ao edificio. Na recepción situarase a escaleira de acceso ás plantas superiores, coincidindo co tramo de escaleira existente no baixo cuberta e ocupando un espazo que xa tivo no pasado.

Café tertulia. Situarase na parte posterior da planta baixa. Os aseos e almacén estarán noutras plantas, obrigados polo escaso espazo. Preténdese crear un espazo íntimo que convide á conversa relaxada. Planta primeira. Salas expositivas. O espazo expositivo habilitarase na parte frontal da edificación. Terá vistas á Catedral e amosará a obra de Cunqueiro desde a perspectiva da súa inspiración.

 

Gastroteca. O espazo de degustación estará nesta planta na parte posterior da edificación e con acceso ao patio. A carta ofrecerá receitas dos pratos e das citas literarias que as inspiran.

Planta baixocuberta. Os espazos de Cunqueiro. É a planta na que se musealizará a súa vida. Vanse recuperar os cuartos nos que vivía, onde durmía e onde traballaba.

Para acometer o proxecto foi preciso ter en conta o estado da edificación e o programa que se pretende acometer. O orzamento total da obra ascende a 311.494,14 euros. O Goberno local ten asinado un convenio coa Deputación de Lugo para levar a cabo o proxecto, que se financiará ademais coas achegas doutras administracións.

Volver