Mondoñedo xa está a piques de vivir unha nova edición da súa cita mototurística máis emblemática: a XXXV Concentración Ruta N‑634, A Invernal de Galicia, que este ano celebra o seu 35 aniversario. A cita terá lugar os días 6, 7 e 8 de marzo, e chega cun programa que combina tradición, convivencia e espectáculo.
Entre todas as actividades previstas, o gran reclamo desta edición será a exhibición de Cuadrado Stunt, programada para o sábado ás 18:00. O piloto, coñecido polas súas manobras extremas e pola capacidade de conectar co público, promete ofrecer un dos momentos máis impactantes desta fin de semana dedicada ás dúas rodas.
A xornada do sábado completarase coa sesión vermú, a fabada na Praza da Catedral, os xogos e a tradicional Ruta das Antorchas. O venres abriranse as inscricións cunha festa de benvida, e o domingo pecharase a concentración cun almorzo para inscritos, ruta libre e comida final con sorteo. A organización corre a cargo do Motoclub Mondoñedo Ruta N‑634, coa colaboración do Concello, a Xunta e a Deputación de Lugo.
Todo apunta a que Mondoñedo volverá converterse nun punto de encontro imprescindible para os amantes das motos, nun ano especialmente simbólico polo 35 aniversario da concentración. E alí estará Mindonium, dentro das nosas posibilidades, para ofrecer os mellores momentos desta fin de semana sobre rodas.


















































