A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, vén de anunciar a adxudicación da redacción do proxecto da Casa Museo de Cunqueiro á arquitecta Gloria Trigo. Candia subliña que o obxectivo do proxecto “ademais de por en valor a edificación, pretende ser unha lembranza viva ao ilustre escritor, polo que se tratará de que sexa un centro dinamizador e un proxecto cultural ambicioso”.
Entre os requisitos que establece o Goberno local figura que a arquitecta estableza contactos cos persoeiros do mundo da cultura para que poidan achegar ideas que enriquezan o proxecto.
Elena Candia explica que o proxecto de Casa Museo pretende que se poida contemplar cómo era, onde vivía e cómo traballaba o escritor, ao tempo que se fará unha aproximación á súa obra literaria. A proposta inclúe un café tertulia pensando para os veciños e veciñas de Mondoñedo e unha gastroteca, que afondará na gastronomía literaria do autor.
O proxecto
Desde o punto de vista construtivo tratarase de recuperar a integridade estrutural e compositiva da edificación na súa volumetría actual intentando non só conservar, senón mostrar as singularidades desta construción tradicional propia da zona e do tempo no que se realizou. Ao ser unha casa museo, reconstruíranse os espazos cos materiais, as luces e os obxectos que había cando estivo habitada por Cunqueiro para que o visitante se sinta no ambiente no que el vivía.
Unha parte da edificación ocupará os usos museísticos, recepción, sala de estudo e exposición e escaleira de comunicación. Desde esta zona accederase ao resto dos espazos: café tertulia, gastroteca e servizos asociados que se ubicarán na parte traseira da edificación, aberta cara o patio e con acceso desde este. Esta composición facilitará a entrada de mercancías para a gastroteca sen interferir na normal actividade do museo.
Desde o acceso posterior, situado a nivel da primeira planta, poderase entrar ao patio posterior e desde este, directamente á planta segunda a través dunha escaleira. É un espazo que, unha vez acondicionado, poderá servir como terraza ao exterior nos días cálidos.
A planta baixocuberta ocupará a totalidade do espazo expositivo, entre o que se fará unha reconstrución da habitación do escritor.
En detalle
Planta baixa. Será desde onde se accede ao edificio. Na recepción situarase a escaleira de acceso ás plantas superiores, coincidindo co tramo de escaleira existente no baixo cuberta e ocupando un espazo que xa tivo no pasado.
Café tertulia. Situarase na parte posterior da planta baixa. Os aseos e almacén estarán noutras plantas, obrigados polo escaso espazo. Preténdese crear un espazo íntimo que convide á conversa relaxada.
Planta primeira. Salas expositivas. O espazo expositivo habilitarase na parte frontal da edificación. Terá vistas á Catedral e amosará a obra de Cunqueiro desde a perspectiva da súa inspiración.
Planta baixa. Será desde onde se accede ao edificio. Na recepción situarase a escaleira de acceso ás plantas superiores, coincidindo co tramo de escaleira existente no baixo cuberta e ocupando un espazo que xa tivo no pasado.
Café tertulia. Situarase na parte posterior da planta baixa. Os aseos e almacén estarán noutras plantas, obrigados polo escaso espazo. Preténdese crear un espazo íntimo que convide á conversa relaxada. Planta primeira. Salas expositivas. O espazo expositivo habilitarase na parte frontal da edificación. Terá vistas á Catedral e amosará a obra de Cunqueiro desde a perspectiva da súa inspiración.
Gastroteca. O espazo de degustación estará nesta planta na parte posterior da edificación e con acceso ao patio. A carta ofrecerá receitas dos pratos e das citas literarias que as inspiran.
Planta baixocuberta. Os espazos de Cunqueiro. É a planta na que se musealizará a súa vida. Vanse recuperar os cuartos nos que vivía, onde durmía e onde traballaba.
Para acometer o proxecto foi preciso ter en conta o estado da edificación e o programa que se pretende acometer. O orzamento total da obra ascende a 311.494,14 euros. O Goberno local ten asinado un convenio coa Deputación de Lugo para levar a cabo o proxecto, que se financiará ademais coas achegas doutras administracións.
