Panxoliñas no Camiño: música e tradición na Catedral de Mondoñedo

Panxoliñas no Camiño: música e tradición na Catedral de Mondoñedo

Este venres 5 de decembro, a Catedral de Mondoñedo abrirá as súas portas á música e á emoción compartida. Dentro da terceira edición de Panxoliñas no Camiño, o Coro de Adultos do Conservatorio de Viveiro, baixo a dirección de Antonio J. Álvarez Neira, ofrecerá un concerto especial ás 20.00 horas.

A celebración comezará ás 19.30 coa inauguración do Belén da Catedral e o pregón de Valentín Insua Palacios, sacristán e campaneiro da seo. Logo, as cincuenta voces do coro interpretarán un repertorio variado, preparado con agarimo para esta ocasión.

O acto contará cun momento moi especial: o estreo dunha poesía dedicada a Mondoñedo, recitada polo seu autor, o pintor viveirense Roque Fanego. A música virá acompañada pola pianista Paula Fraga Pollán, o profesor de gaita Francisco Javier Pena Louzao e un cuarteto dirixido por Juan Cabalar Filgueiras.

A iniciativa está promovida polo Cabido catedralicio e pola Asociación Sendeiriña, presidida por María José Cociña, que leva tempo impulsando propostas culturais que unen música e tradición na nosa terra.

Unha cita para sentir, compartir e celebrar o que somos.