O Concello de Mondoñedo inicia hoxe a primeira fase da rehabilitación da Casa Museo de Cunqueiro

O Concello de Mondoñedo inicia hoxe mércores as obras previas á rehabilitación do edificio na Praza da Catedral para o que será a Casa Museo de Cunqueiro. A actuación, previa á definición completa do proxecto de rehabilitación da casa na que viviu o escritor, vai encamiñada a coñecer o estado de conservación estrutural e os sistemas construtivos.

O orzamento correspondente a esta fase da obra alcanza un total  15.767,70 euros. As obras foron adxudicadas mediante un contrato menor a unha empresa local. O Goberno municipal traballa agora na licitación do proxecto, cuxo orzamento para 2016 ascende a máis de 170.000 euros.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, subliña que o obxectivo do proxecto completo “ademais de por en valor a edificación, pretende ser unha lembranza viva ao ilustre escritor, polo que se tratará de que sexa un centro dinamizador e un proxecto cultural ambicioso”.

A actuación global tentará recuperar a integridade estrutural e compositiva da edificación na súa volumetría actual intentando non só conservar senón mostrar as singularidades desta construción que se entende demostrativa dun tipo de construción tradicional propia da zona e do tempo en que foi construída.

Tratándose dunha casa museo tentarase a reconstrución dos espazos cos materiais, as luces e os obxectos que tería cando habitaba Cunqueiro co gallo de que o visitante poida sentir integramente o ambiente no que vivía.

Actuacións previas

Nesta fase de actuacións previas que comeza hoxe farase o baleirado completo da edificación que nestes momentos está cheo de escombros.

Amais, realizaranse escavacións arqueolóxicas na planta baixa, continuando as que xa se fixeron polos anteriores propietarios e das que resultou a aparición de interesantes restos construtivos doutras épocas.

Faranse catas nas paredes buscando restos de pinturas que poidan ser de interese para a súa conservación. Para iso, previamente eliminarase a cal das paredes, o que nos permitirá ler nos seus muros a súa historia.

Eliminaranse falsos teitos e solos construídos sobre o entramado estrutural e realizaranse catas nos elementos estruturais para avaliar ata onde lles afectou o paso do tempo ou o ataque dos insectos xilófagos.

Unha vez a vista estrutura, muros, tabiques e solos valorarase o seu estado de conservación para poder mantelo ou recuperar o máximo posible todos os elementos do edificio. Aqueles nos que non sexa posible serán substituídos por outros de similares características na medida co permita  a normativa vixente e o novo uso público do edificio.

volver