O BNG non está “lexitimado” para falar de limpeza das rúas cando “en oito anos se esqueceron de Mondoñedo e do seu coidado e mantemento”

O BNG non está “lexitimado” para falar de limpeza das rúas cando “en oito anos se esqueceron de Mondoñedo e do seu coidado e mantemento”

Otero Rejes asegura que o traballo do Goberno local é visible e dende a primeira semana estanse a levar a cabo actuacións tanto de limpeza como de desbroce no casco urbano e no rural

Mondoñedo, 3 de agosto de 2015- O edil de Servizos, Urbanismo e Obras, José Otero Rejes, amosou hoxe a súa sorpresa ante as declaracións feitas polos nacionalistas locais que “en oito anos de goberno esqueceronse do coidado e mantemento de Mondoñedo. Non están lexitimados para dar leccións en limpeza das rúas, despois do estado de abandono no que nos deixaron a cidade”.

“Pouco tempo lles fixo falta para esquecérense da súa falta de xestión”, manifestou o edil, quen criticou “o atrevemento dos nacionalistas” á hora de cuestionar as accións que está a desenvolver o actual Goberno local dirixidas á limpeza e ao desbroce tanto no casco urbano como no rural. “Parece que lles molesta que se traballe”, matizou.

Otero Rejes lembrou que, xa na primeira semana con responsabilidades de goberno, os populares actuaron nun total de 20 quilómetros de rutas e camiños. “Traballamos nas rutas da Auga, do Salto do Coro en Sete Voltas, así como en parte do Camiño Norte”, enumerou o concelleiro.

Ademais, en só dous meses procedeuse á limpeza de rúas como son a Avenida de Bos Aires, a Avenida Eladio Lorenzo, a Avenida de Ferrol ou as rúas da Fonte Vella, Viñas da Veiga, Rocha de Vélez, Os Castros, da Ponte, Casas Novas, Imprenta, Julia Pardo, Pardo de Cela, José María Pardo, Álvaro Cunqueiro, Muíños de Arriba e Muíños de Abaixo,  así como no monumento da Fonte Vella “que se atopaba nun estado deplorable sen limpeza de moitos meses”, e mesmo na Praza do Concello, na de San Juan, na do Seminario ou no parque infantil.

Otero Rejes asegura que todos estes traballos de limpeza que lle “parecen insuficientes aos nacionalistas, foron traballos de limpeza profunda, de vexetación herbácea que levaba máis de 4 e de 5 meses sen ningún tipo de mantemento e en absoluto abandono”.

O edil pídelles aos nacionalistas que antes de redactar queixas “mellor que se informen xa que, por exemplo, fai dous días que se procedeu a limpar o interior da zona verde da Escola Infantil e hoxe iniciouse a do C.E.I.P  Álvaro Cunqueiro, que se rematará nos próximos días”.

Respecto ás queixas veciñais sobre o forte cheiro dos colectores, Otero Rejes lémbralle ao BNG que “en todos os casos dos que o Goberno local tivo constancia, se procedeu á substitución dos contedores por uns novos”. Polo tanto, o edil conclúe ao asegurar que  “todas as actuacións están a vista”.

Publicidad