Mindonium.es – el portal de todos los Mindonienses


Morreu o semáforo de Mondoñedo

Publicado el 14 / noviembre / 2012 por admin

Xosé Ruiz Leivas
Polo visto segundo nos contan os xornalistas Enric Gonzalez e Fruíme no xornal El Porgreso dos días 6 e 8 deste mes nos artigos titulados “El semáforo de Mondoñedo” e “Bueno para Mondoñedo” que “… para el buen funcionamiento del semáforo de Mondoñedo lo mejor que pudo suceder fue la victoria de Obama…”
A verdade é que éncheme de ledicia sabelo pois ademais de demostrar o que os señores xornalista aseveran, que xa non somos alleos a canto pase no mundo, ademais digo, vexo que sitúan nel a meu Mondoñedo. Graciñas.
Pero téñolles que dicir con tristura que o semáforo de Mondoñedo morreu. Pero como vostedes din .”.hicimos propio el aliento de la esperanza..” e esperamos que rexurda para non levar-lle a contraria a ninguén. E para aqueles que non coñezan ó noso famoso semáforo, cóntolles a súa pequena historia.
En Mondoñedo tiñamos un semáforo que todos admirabamos porque tal posesión parecía que nos achegaba a vida moderna, e se non fora que xa hai longos anos que estamos moi metidos no futuro (todos temos móbil) case que nos parecía un símbolo de modernidade, pero un día morreu.
Ben, a verdade é que eran tres semáforos, un para os que ían, outro para os que viñan, e outro para os que baixaban, pero facían o mesmo traballo, defender ós nenos do colexio cando tiñan que atravesar a rúa.
E que conste que o seu traballo fixo ben pois a Deus gracias non houbo nunca ningún atropelo debido a súa vixilancia.
Cando vivía daba gusto achegarse a el, ías conducindo o teu vehículo, e nada mais verte con aquel ollo verde que tiña e como sospeitase que te movías moi veloz, entón dáballe un arrepío e cambiaba de humor poñéndose amarelo primeiro e despois vermello.
E ti para tranquilizalo, parábaste cabo del. Daba xenio miralo dende o coche, era alto, delgado, ca pel verde e na cabeza tres ollos grandes coma pratos, (cada un de seu pai pola color) así con eles pudia vixiar canto quería e a bofe que o facía.
Ademais comprobouse estatisticamente que nunca lle mal contestou a ningún condutor alporizado por ter que parar cabo del. Fixádevos que a pel verde que tiña non era de casualidade, as veces poñíano verde das cousa que lle dicían e tantas foron que xa se quedou así para sempre, e como era unha cor moi ecolóxica pois el aceptouno sen dicir nada.
Pero chegaron malos tempos para a economía e o traballo do Concello e primeiro foi un ERE no que lle tocou a el e despois foi o mais triste. Un día deste outono cortáronlle a corrente e morreu ante o asombro de moitos, pero nin sequera lle puxeron unha necrolóxica no xornal a pesares dos traballos feitos pola comunidade. QEPD.
Agora que gañou Obama aínda temos esperanza de que calquera día lle chegue unha corrente que lle de a vida.
Fdo: Xosé Ruiz Leivas

Volver a inicio
mindonium.es “el portal de todos los Mindonienses”
Te gustaría recibir las publicaciones en tu correo ? regístrate

Deja tu comentario

Tienes que estar logeado para comentar.




↑ Subir