Leiras agora

Neste arranque do ano no que se cumpren cen do pasamento do masón, anticlerical e republicano Manuel Leiras Pulpeiro, coñecido polos da Paula como “O médico dos pobres” pregúntome eu: Como actuaría Leiras ante a actual situación socioeconómica que está vivindo Mondoñedo e a súa comarca?.
Seguramente que a problemática sería eixo central de moitos faladoiros no “Casino de los Caballeros” e que no “Tío Marcos da Portela” empregaría adxectivos como “ladrós” e inhumanos para referirse a aqueles que con diñeiro de todos mercan empresas para eliminar a súa competencia directa e non lles treme a man á hora de deixar sen pan a centos de persoas, nin atenden a razóns cando se lles presentan alternativas.
Leiras, coñecido en Galicia como autor de versos cargados de emoción e compromiso, tamén foi un bo home que se preocupou polos seus veciños e veciñas. Cando visitaba un enfermo nun fogar onde abundaba a pobreza deixaba, como o rato Pérez, unhas moedas debaixo da almofada para que a familia puidera mercar menciñas e ir tirando uns días.
Nos días de hoxe, seguramente, Leiras estivera mobilizando a Cándido Carreiras e aos seus para preparar algún festival solidario que servise para recadar fondos e estar preparados para actuar en caso de posibles emerxencias sociais que puideran vivir algunhas familias mindonienses sen deixar de matinar na procura de solucións que permitiran xerar emprego no lugar.
Non fai moito pasei polo vello cemiterio civil de Mondoñedo e vin unha rosa branca morta enriba da lápida de Leiras. O que a el lle gustaría sería ter unha roseira de rosas roxas viva que florecera ao tempo que a Mondoñedo volta a primavera.
Fran Bouso

Volver a inicio

Te gusta la web ? Quieres recibir en tu correo nuevas publicaciones ? Regístrate

Publicidad : Supermercados Claudio , Ofertas del 5 al 18 de enero de 2012