O Concello entrega este sábado os premios aos tres gañadores do concurso fotográfico ‘O meu recuncho de Mondoñedo’

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o edil de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Alberto García, entregarán este sábado os premios aos gañadores do concurso fotográfico convocado polo Concello baixo o lema ‘O meu recuncho de Mondoñedo”.

Dende o Goberno local convidaron aos mindonienses a participar nesta iniciativa a través do envío de fotografías cos seus lugares favoritos da localidade, co obxectivo de elaborar coas imaxes recibidas un calendario 2017.

Elena Candia e Alberto García agradeceron a boa acollida que tivo o concurso ‘O meu recuncho de Mondoñedo’, que na súa primeira edición recibiu 74 fotografías, “todas merecentes de ser incluídas no calendario”, aseguran.

Entre o total das imaxes que os participantes remitiu ao Concello, un xurado composto por fotógrafos profesionais do eido xornalístico e artístico e por membros da Oficina Técnica de Rehabilitación do Concello de Mondoñedo, seleccionaron 13 fotografías, unhas delas para a portada do calendario e as restantes para cada mes do ano. O calendario municipal 2017 remitirase a todos os fogares de Mondoñedo.

Autores das trece fotografías seleccionadas para confeccionar o calendario:

 

Portada: Carme Bouso
Mes de xaneiro: Andrea Gacio

Mes de febreiro: Celia Trashorras

Mes de marzo: Ester Otero

Mes de abril: Gonzalo Sánchez

Mes de maio: Marta Rodríguez

Mes de xuño: Lucía López

Mes de xullo: Melba Paz

Mes de agosto: Diego Muruais

Mes de setembro: Anxo García

Mes de outubro: Cristina Carracedo

Mes de novembro: Maite Baamonde

Mes de decembro: Anxo G. Ferreiro

O xurado encargado de fallar os premios do concurso ‘O meu recuncho de Mondoñedo’ tamén elixiu as tres melloras fotografías de entre todas as recibidas. Os gañadores recibirán un diploma e un libro, galardoado co premio Planeta, de mans da alcaldesa e do concelleiro delegado no acto que se celebrará este sábado, 31 de decembro, ás 12:30 horas, no Salón de Plenos do Concello. Durante a entrega de premios, que presentará Gilberto Ares, tamén se presentará oficialmente o calendario nado a raíz desta iniciativa fotográfica. No transcurso do acto, farase entrega dun exemplar do calendario a cada un dos trece autores das imaxes seleccionadas.

Dende o Concello anuncian que os tres premiados son Celia Cabanas Trashorras, Cristina Carracedo e Gonzalo Sánchez Díaz. Así, Candia e García quixeron agradecer tanto “ao xurado pola súa complicada labor como a todos os participantes”, ao que engadiron que “somos conscientes de que calquera foto podería ser gañadora, polo que non se establece unha orde entre os galardoados”.

A alcaldesa e o edil amosáronse de novo moi contentos con esta iniciativa e co seu resultado xa que “nos permite desenvolver o sentimento que temos pola nosa cidade, polos lugares que nos traen os nosos mellores recordos, por aqueles que máis sentimos ou polos que simplemente máis nos gustan”. Así,  volveron a destacar o aspecto “sentimental” desta iniciativa xa que “permitiu aos participantes mergullarse nas súas vivencias na cidade e no rural, recorrer os recunchos que máis lles apaixonaron e facelo en complicidade coa familia”.

volver