‘O mellor recuncho de Mondoñedo’, o novo concurso de fotos do Concello do que sairá o calendario municipal para 2017

O Concello de Mondoñedo vén de convocar o concurso ‘O mellor recuncho de Mondoñedo’ que baixo o lema ‘Elixe o lugar de Mondoñedo que máis che gusta’, ten por finalidade a elaboración dun calendario para o vindeiro ano 2017 coas mellores fotografías de recunchos da localidade.

Os destinatarios da iniciativa son todos os alumnos do Instituto de Educación Secundaria San Rosendo aos que a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, convida a participar a no envío de fotografías ao Concello. Entre as imaxes recibidas, un xurado profesional elixirá doce, unha por cada mes do ano, para a creación do calendario de 2017

O alumnado poderá facer chegar a imaxe do seu “lugar favorito de Mondoñedo, aquel que máis lle guste ou máis sentimento e vivencias lle transmita”, explica Candia, ao Concello a través do enderezo electrónico concellomondonedo@gmail.com ou do postal Concello de Mondoñedo. Praza do Concello nº1. Mondoñedo, ata o día 30 de novembro.

O xurado, encargado de seleccionar as fotos dos mellores recunchos de Mondoñedo, estará composto por persoal da oficina de rehabilitación e fotógrafos profesionais. Pola súa banda, os autores das fotografías seleccionadas recibirán como premios un lote de libros “e algunha sorpresa a maiores”, engade a rexedora, ademais de que o nome dos galardoados figurará no calendario como autores das imaxes.

Elena Candia amósame moi contenta con esta iniciativa xa que “nos permite desenvolver o sentimento que temos pola nosa cidade, polos lugares que nos traen os nosos mellores recordos, por aqueles que máis sentimos ou polos que simplemente máis nos gustan”. Polo tanto, Candia  destaca o aspecto “sentimental” desta iniciativa xa que “permitirá aos participantes mergullarse nas súas vivencias na cidade e no rural, recorrer os recunchos que máis lles apaixonen e facelo en complicidade coa familia”.

volver