O Concello seguirá vixiante para que a empresa de subministro eléctrico cumpra con todos os afectados e a situación non se repita de novo

O Concello de Mondoñedo agradece a resposta positiva da empresa Begasa ante as reclamacións presentadas á raíz da avaría eléctrica sufrida durante as Feiras das San Lucas, aínda que engade que seguirá vixiante para que Begasa cumpra con “todos e cada un dos afectados” e a situación non se volva a repetir de novo.

A cidade de Mondoñedo viuse afectada o pasado 18 de outubro por unha avaría no subministro eléctrico coincidindo coa celebración das Feiras e Festas das San Lucas. A tardanza no restablecemento do servizo provocou importantes perdas económicas o que levou ao Goberno local a liderar a presentación dunha reclamación contra a empresa subministradora, ademais de colaborar con veciños e afectados que decidisen presentar a súa propia queixa.

A alcaldesa de Mondoñedo informa que a empresa de distribución eléctrica enviou unha carta ás persoas que presentaron reclamacións debido as anomalías no subministro eléctrico e tras as análises pertinentes, Begasa respondeu de forma positiva a todas as demandas, polo que os afectados recibirán a compensación solicitada.

“Cursáronse as reclamacións e agora están empezando a chegar as liquidacións”, indica a alcaldesa, ademais “acadamos o compromiso de que Begasa poña os medios para que esta circunstancia non se volva a dar”.

volver