A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mondoñedo conta dende esta mañá cun novo vehículo

Candia agradece ao Goberno de Feijoo a adxudicación desta nova dotación que permitirá que a Agrupación de Voluntarios dispoña dun maior equipamento dirixido a actuar dun xeito máis áxil en situacións de emerxencia.

Protección Civil de Mondoñedo conta dende esta mañá cun novo vehículo todo terreo tipo pick-up, co que se mellora o equipamento da agrupación de voluntarios para o desenvolvemento das súas funcións no eido das emerxencias e da seguridade cidadá.

O vehículo foille entregado polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, á alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, durante un acto celebrado na sede da Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada.

Candia quixo agradecer o compromiso da Xunta de Galicia coa localidade a través desta nova dotación que suporá unha importante mellora para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mondoñedo. O equipamento de novos medios necesarios permitirá actuar dunha forma máis áxil en situacións de emerxencias, acadando máis eficacia nas respostas e garantindo a seguridade cidadá.

Por último, esta adxudicación, levada a cabo mediante a orde do 28 de xaneiro de 2015, no marco do Programa Operativo Feder-Galicia 2007-2013, segue criterios obxectivos e prima, por exemplo, aos concellos con maior número de actuacións e voluntarios, o risco potencial das emerxencias e a distancia con outros servizos de emerxencia.

Volver