O número de visitantes a Mondoñedo incrementouse en preto dun 20% respecto ao 2014

Mondoñedo, 14 de outubro de 2015.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, fixo balance hoxe do número de visitantes que se desprazaron ata a localidade segundo datos recollidos pola Oficinal de Turismo no que vai de 2015 e que amosan un incremento anual no número de turistas de entorno ao 20%.

A alcaldesa cualifica o ano 2015 de “moi positivo”, feito que, segundo a popular, reafirma o compromiso do Goberno local, que aposta polo turismo “como o futuro de Mondoñedo”.

Dun xeito máis concreto, o informe cos datos xerais da Oficina de Turismo contabiliza entre os meses de xaneiro e setembro un total de 15.334 visitantes, fronte aos 13.182 do ano 2014 e aos 11.630 do 2013.

Se a análise se fai por meses, destaca o incremento no número de visitantes recibidos nos meses de xuño e setembro. En xuño, aumentan nun 34% o número de visitantes contabilizados pola Oficina de Turismo, mentres que en setembro foron un 21% máis o número de persoas que se decidiron por visitar a localidade.

Estes datos refírense a visitantes (individuais, familias, peregrinos e  grupos) que pasan pola Oficina de Turismo. Polo tanto, hai que ter en conta que durante os meses de xullo e agosto a Oficina de Turismo non xestionou directamente o albergue e a maiores, é moi importante facer fincapé noutros datos como os dos turistas que visitan a Catedral, que superan os 34.000.

De todos os modos, “asúmese o 2015 como un ano moi positivo cun incremento acumulado anual no número de visitantes”, matiza Candia.  Neste senso,  a alcaldesa de Mondoñedo explica que o Goberno local “ten moi presente o turismo como un dos sectores dinamizadores da economía e polo que pasa o futuro do noso municipio”. Nesta liña de traballo de fomento do turismo, os populares materializaron iniciativas na oposición, como foi a celebración de diferentes xornadas co turismo como eixo central. No Goberno “é unha das nosas preocupacións, polo que faremos unha forte aposta por continuar a mellorar os puntos frouxos e facer do turismo unha fonte de riqueza para a localidade”.

Volver