O Concello de Mondoñedo comprométese coa recuperación da actividade dos obradoiros de artesanía dos Muíños

A alcaldesa de Mondoñedo mantivo unha reunión cos artesáns na que reafirmou que dende o actual goberno local non se admitirán incumprimentos nas aperturas dos obradoiros de artesanía

Candia anunciou que se consensuará un plan de traballo para 2016, ao que se lle deberá dar cumprimento – A popular lembra que este proxecto de recuperación dos Muíños foi abandonado polo bipartito no goberno, pese a ser recoñecido cun premio Agader

Mondoñedo, 28 de agosto de 2015– A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, deixa claro o compromiso do goberno municipal coa recuperación da actividade dos obradoiros de artesanía dos Muíños. Resalta a importancia deste proxecto tanto para dinamizar o barrio como dende o punto de vista turístico.Para avanzar nesta proposta de traballo “firme e seria”, a alcaldesa mantivo unha reunión cos artesáns durante a que incidiu en que dende o actual goberno local non se admitirán incumprimentos nas aperturas destes obradoiros. Candia adiantou que se consensuará un plan de traballo a desenvolver no 2016, e ao que se lle deberá dar cumprimento. A popular lembra que nos Muíños se desenvolveu, impulsado polo PP no Concello, un proxecto de recuperación deste barrio, no que se incluíu a promoción e o asentamento destas actividades de artesáns nos Muíños. O proxecto foi recoñecido co premio Agader ao Embelecemento do Medio Rural Galego no 2005, pero o bipartito no goberno “abandonouno, non regulou a situación, nin renovou os convenios…”.Por último, a alcaldesa asegurou que no plan que o goberno local desenvolverá a nivel turístico ten “especial protagonismo” os Muíños. Un dos primeiros compromisos adquiridos e ao que se lle deu cumprimento neste barrio foi o da recuperación das canles, que se “limparon e se dotaron de auga”.

Publicidad