A cadeira de rodas

Meu amigo Manolo  anda mal dos cadrís por mor dunha  artrite ou reuma ou calquera cousa de vellos – só os médicos o saben- que non lle deixa camiñar como quería e mentres durou o tratamento que lle puxo o doutor, recomendoulle que non camiñase moito ou mellor aínda, qué usase unha cadeira de rodas para descansalo  corpo e que así lle chegase mais axiña a saúde.

Pero meu amigo Manolo, entre outras cousas,  tamén ten un fillo  que é ben querenzoso con seu pai, e non podía velo sentado naquela cadeira de rodas. Parecíalle que aquelo era a premonición do fin, que cando un home deixa de andar de pé xa esta medio afastado da vida e iso non o quería para seu pai, así que cando o chamaron para que lle empurrase á cadeira con seu pai sentado nela por toda a vila o día de mercado, negouse rotundamente, el non pasaría pola vergoña de amosar a seu pai subido a un aparello que ensinaba a todos a decadencia física de seu pai. Non señor, seu pai tiña que estar como sempre o lembrou dende cativo, forte e cheo de vida, polo que el non  estaba de acordo co da cadeira e propúxolle que camiñase como un home que sempre foi, erguido, para que os demais o viran como se estivese cheo de vida.

Meu amigo Manolo entendeu ó seu fillo;  Ben seguro que a verdade era que se sentía avergoñado da súa vellez. O feito de exhibir a seu pai en cadeira de rodas era vergoñento  para o rapaz e prefería velo camiñar sen importarlle a dor de cadrís de seu pai a pasar o ridículo de ter que puxar costa arriba a cadeira diante de tódolos seus amigos e coñecidos.

Polo mesmo, meu amigo Manolo aquel domingo non foi o mercado, quedouse na casa remexendo entre os papeis e fotos antigas ata que atopou catro que gardou ata a hora do xantar. Xa todos ó redor da mesa e mentres que esperaban a comida sacou do peto as catro fotos e sen dicir nada amosoullas a seu fillo. Mirounas este, e quedouse sorprendido, e cando volveu a mirada a seu pai este só lle dixo:

.- A min nunca me deu vergoña de pasearte, o contrario sempre foi unha ledicia facelo.

As catro fotos eran así: A primeira estaba Manolo sorrindo feliz abaneando un berce no que se vía un neno (que era o fillo de Manolo), na segunda foto, Manolo estaba nun xardín da vila puxando un cocheciño de neno no que transportaba a seu fillo, na terceira Manolo coas mans postas nos ombreiros dun picariño, como puxando ou suxeitando para que non caese, era seu fillo montado nun triciclo e el puxando, a así na cuarta aparecía seu fillo feito un mocete subido a unha bicicleta e Manolo o seu lado ensinando nas mans as rodiñas pequenas da bici. Foi cando Manoliño botara a andar na bici sen axuda nin de rodiñas pequenas nin de seu pai.

O rapaz antes de comer deulle unha gran aperta a seu pai sen dicir nada e a única que non entendeu todo aquelo foi a mai do rapaz e muller de Manolo.

Fdo: Xosé Ruiz Leivas

Volver a inicio
mindonium.es “el portal de todos los Mindonienses”
Te gustaría recibir las publicaciones en tu correo ? regístrate